Para estarmos máis perto de vós

Outubro 5, 2008

Non foi sen tempo. Dezaoito anos despois da primeira emisión do Diario Cultural na Radio Galega abrimos este novo espazo na rede para que teñas a túa disposición os contidos máis relevantes do programa, poidas seguir máis de preto os debates que se suscitan no eido da cultura e participar coas túas opinións, suxestións e propostas no acontecer cultural de Galicia e do mundo. Tamén para que coñezas o día a día do programa, as novas seccións, os comentarios críticos e de opinión e os fragmentos das novidades editoriais, das estreas de artes escénicas e cinema, de música, artes visuais e da investigación científica. Cremos que a cultura non é só libros, cadros e obras de teatro, senón a construción colectiva dun espazo de liberdade, de intelixencia e sensibilidade. Benvidos e benvidas ao blog do Diario Cultural.

E para comezar, a entrevista que emitimos a semana pasada co escritor mozambicano Mia Couto.

Como sabedes, Mia Couto estivo en Compostela a semana pasada para recibir, xunto cos escritores Joan Margarit, Álvaro Mutis e Jon Kortazar, o premio Rosalía de Castro concedido polo Pen Club de Galicia. O autor de Terra Sonámbula mantivo esta conversa con Begoña Caamaño.


Un premio de ida e volta

Setembro 25, 2008


O xurado do Premio González Garcés de poesía decidiu desposuir do premio da edición deste ano a Eduardo Estévez polo seu libro Construcións e outorgarllo a Cabalos do alén de Xavier Lama. Lama, quen conseguira o accésit nesta edición,impugnou o fallo do xurado ao considerar que gran parte dos poemas do libro de Estévez xa se fixeran públicos no blog En construción, onde constaba o nome o do autor. O xurado acordou que esta circunstancia incumpría as bases do premio. No Diario Cultural falamos con Eduardo Estévez e con Xavier Lama para escoitar as súas razóns.


Saíndo do burato negro

Setembro 21, 2008

Chega a Santiago o físico Stephen Hawking. O autor de Unha Breve Historia do Tempo recibirá o Premio Fonseca de Divulgación científica da Universidade de Santiago polo conxunto da súa obra.